Thursday 09 de May de 2024

Emotivo acto inaugural nos XVIII Xogos Autonómicos de Natación Special Olympics


Xa arrancou na piscina da Fieiteira a XVIII edición dos Xogos Autonómicos de Natación para persoas con discapacidade intelectual Special Olympics: un certame no que están a participar un total de 243 deportistas, desexosos de ofrecer unha demostración de capacidade de superación e de integración na sociedade..

Antes, o pavillón do complexo polideportivo deu cabida ao tradicional acto de inauguración deste evento no que, de forma semellante aos Xogos Olímpicos, cada un das 24 asociacións que participan nos xogos foron desfilando polo recinto ante o público congregado e as autoridades presentes. Entre estas últimas figuraban o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; a presidenta da asociación anfitrioa Amicos, Esther Vidal; a nadadora María Vilas, ou os alcaldes de Riveira e Boiro, Manuel Ruiz e Juan José Dieste.

A competición deu comezo ás 12 horas e estaba previsto que se prolongue ata as 19 horas, momento en que tivo lugar o acto de clausura e de entrega de diplomas e medallas aos participantes. En total, entre atletas, adestradores, voluntarios e integrantes da organización daranse cita 393 persoas.

Das 24 asociacións participantes, 8 son da provincia de A Coruña, 8 de Pontevedra, 5 de Lugo e 3 de Ourense. Amicos, asociación anfitrioa, participará con 12 atletas e 2 adestradores.